Saturday 18 de May de 2024

A comarca de Ordes conmemora o 8 de marzo coa promulgación dun manifesto en prol da igualdade


Ata a vindeira semana continuará aberta tamén a campaña de concienciación e participación cidadá lanzada polo CIM a través do seu Facebook. Pódense enviar fotografías coas que posteriormente se confeccionará un collage
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes súmase á conmemoración que administracións, institucións, entes, asociacións e todo tipo de organismos levarán a cabo o vindeiro martes, 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Por isto cada un dos sete Concellos que a integran veñen de manifestar a súa adhesión ao manifesto asinado dende o Centro de Información á Muller (CIM) comarcal no que se condenan a discriminación en materias como “a ocupación laboral, realidade salarial e diversas formas de explotación que sofre a muller en todo o planeta; as agresións sexuais e a violencia de xénero, e as sobrecargas sociais e familiares que a día de hoxe seguen lastrando o seu desenvolvemento persoal e profesional”. O texto tamén fai fincapé na “feminización da pobreza, a invisibilidade da muller en importantes ámbitos de poder e prestixio, e, ao contrario, a súa visualización como obxecto de comercio”.

Dende a Mancomunidade de Ordes apoiase así a campaña da ONU cuxo lema para este ano é “Por un Planeta 50-50 en 2030: Deamos o paso para a igualdade de xénero”. O obxectivo é reflexionar sobre como acelerar e impulsar a aplicación efectiva da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible. Así mesmo, centrarase nos novos compromisos dos gobernos baixo a iniciativa “Deamos o paso” da ONU Mulleres e outros compromisos existentes en materia de igualdade de xénero, o apoderamento e os dereitos humanos das mulleres.

Ademais disto tamén se fai un chamamento á xuntanza de forzas e a concienciación para seguir “conquistando e consolidando posicións, sen esquecerse dos colectivos de mulleres que merecen unha consideración especial pola súa vulnerabilidade: mulleres con diversidade funcional, mulleres rurais, mulleres inmigrantes ou mulleres mozas e de todas aquelas que día a día se enfrontan a un muro de dificultade no seu contorno mais cotián”.

‘Fai unha foto e únete a nós’
Por outra banda a ata o vindeiro 8 de marzo continuará aberta a campaña ‘Por un planeta 50-50 en 2030: Deamos o paso pola igualdade de xénero’. As persoas que queiran poderán enviar unha fotografía na que apareza algunha muller no seu posto de traballo ou en calquera situación cotiá ao evento creado especialmente para a ocasión na páxina de Facebook do CIM de Ordes (http://on.fb.me/1RkoDBA).
Con todas as imaxes recibidas confeccionarase un mosaico que aparecerá no cartel da campaña e nas redes sociais. Con esta proposta a Mancomunidade de Ordes pretende fomentar a campaña promovida pola ONU e que insta a Gobernos e institucións a traballar en prol da igualdade de oportunidades e dereitos para as mulleres e as nenas. Pasos que se traduzan na promulgación de leis, marcos normativos, políticas e plans de acción tanto nacionais como internacionais que veñan acompañados de investimentos adecuados. Con esta idea tamén se lles quere dar visibilidade a tantas e tantas mulleres do municipio ordense e doutros lugares que realizan unha actividade fundamental para o desenvolvemento social, económico, político, humano etc.